Presentación das olimpíadas

  • Mércores, 02 Marzo 2011 19:12
  • Escrito por Administrator

UN POUCO DE HISTORIA.

 

As olimpíadas científicas teñen unha gran tradición entre os alumnos de ensinanzas medias tanto en Europa como en España. En España, as primeiras olimpíadas que se realizaron foron as de matemáticas, que comezaron no ano 1964; logo viñeron a de física no ano 1990, e a de química no ano 1995. As olimpíadas científicas están organizadas polas asociacións españolas de matemáticas, física e química, e están recoñecidas como olimpíadas científicas polo Ministerio de Educación e Ciencia.

 

A “Olimpíada de economía” nace seguindo a tradición do resto das olimpíadas científicas pero, a diferenza delas, a de economía está organizada polas facultades de ciencias económicas e empresariais das universidades públicas españolas e, nestes momentos, está en proceso de implantación e consolidación en todo o territorio español.

 

A “Olimpíada de economía” é un concurso de carácter académico e educativo, cuxos obxectivos son incentivar e estimular o estudo da economía entre os novos, premiar o esforzo e a excelencia académica, divulgar os estudos de economía, así como establecer vínculos estables entre as facultades, os centros de educación secundaria, os profesores de economía do bacharelato e os alumnos interesados nesta materia, que serán os futuros estudantes nas nosas facultades. A Universidade non pode abstraerse dos problemas formativos dos estudantes que van ocupar as súas aulas no futuro, e por iso é importante manter contactos e relacións para poder intercambiar coñecementos e experiencias. A Olimpíada de economía ten que servir de punto de encontro entre ámbolos dous niveis educativos.

 

A primeira “Olimpíada de economía” que se fixo en España tivo lugar en Valencia durante o curso académico 2002-2003 por iniciativa da Facultade de Economía da Universitat de València e do Servei de Formació Permanent, cun carácter provincial posto que estaba dirixida aos centros de secundaria da provincia de Valencia. Chegados de máis de cincuenta centros desa provincia, participaron nela cento vinte alumnos e alumnas. Seleccionáronse dez finalistas e os tres primeiros clasificados obtiveron a matrícula gratuíta para estudar na Facultade de economía da Universitat de València. No curso 2003-2004 ampliouse a súa implantación a outras universidades da Comunidade Valenciana, sumándose a este evento a Universitat Jaume I de Castelló e a Universitat de Alacant, participando cada ano máis de trescentos estudantes de economía do segundo curso de bacharelato, realizándose desde aquela unha olimpíada de carácter autonómico.

 

A partir do curso 2004-2005 superouse o ámbito da Comunidade Valenciana, sumándose a este evento outras facultades de ciencias económicas e empresariais de España. No curso 2004-2005 iniciouse a olimpíada na Facultade de ciencias económicas e empresariais da Universitat de les Illes Balears; no curso 2006-2007 na Facultade de ciencias económicas e empresariais da Universidade de Oviedo; no curso 2007-2008 nas Facultades de ciencias económicas e empresariais da Universidade de Málaga, da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria e da Universidade de La Laguna.

 

Finalmente, no curso 2008-2009 únense a esta iniciativa as Facultades de ciencias económicas e empresariais e administración e dirección de empresas da Universidade do País Vasco, da Universidade Autónoma de Madrid, da Universidade de Zaragoza, e as tres universidades galegas. Deste xeito, son xa quince as Facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de todo o territorio español que están implicadas neste proxecto.

 

Adicionalmente, e como colofón as diferentes fases locais, no curso académico 2008-2009 celebrouse a “I Olimpíada Española de Economía” en Valencia, que contaba cunha única proba de ámbito nacional e na que participarán os tres alumnos finalistas en cada fase local ou autonómica. A “II Olimpíada Española de Economía” celebrouse en Tenerife, e a terceira en Castellón.

 

Cada curso académico, a realización da proba da fase nacional terá lugar na Facultade de ciencias económicas e empresariais que resulte elixida pola “Comisión Nacional da Olimpíada” de entre tódalas candidaturas presentadas. No presente curso 2011-2012, seleccionouse como sede da IVª Olimpíada Española a Universidade de Castela a Mancha, concretamente na Facultade de Ciencias Economicas e Empresariais de Albacete. As probas terán lugar entre o 27 e 28 de xuño de 2012.

 

Polo que respecta a Galiza, a “Primeira Olimpíada Galega” tivo lugar en Santiago de Compostela, a “Segunda Olimpíada” en Vigo“, e a "Terceira Olimpíada Galega” tivo lugar na Coruña. A iniciativa arrancou moi modestamente, cun plantexamento de mínimos en termos económicos, e circunscrita ao ámbito rexional.


Como a idea da comisión organizadora é realizar unha rotación anual entre as diferentes facultades galegas, este curso toma o relevo a Facultade de Administración e Dirección de Empresas da cidade de Lugo.


No caso de desexar ampliar a información sobre a olimpíada e as diferentes fases, pode consultarse a seguinte páxina web: http://www.uned.es/olimpiadadeeconomia/